CANDO VOLVÉU A COMPOSTELA ROSALÍA CASTRO
(Recordos da miña infancia)
Por Luís Taibo
Perenne e inconmovible cal pedra miliaria de sólida vía romana, permanece aínda na miña memoria, a pesar dos anos transcorridos, aquela tarde memorable e solemne, en que os restos mortáis da inmortal Rosalía foron trasladados, como a lugar de perpetuo repouso, ao vello mosteiro de San Domingo, en Santiago de Compostela, onde lles esperaba un digno mausoleo marmóreo que, amoroso, ía acubillalos para sempre baixo aquelas bóvedas oxivales mayestáticas e silenciosas.
Foi verdadeiramente aquela unha tarde compostelá. Fría, brumosa, gris e húmida. A multitude que ansiosa ateigaba a praza da Universidade puido, emocionada, ver chegar o fúnebre cortexo e deterse a enlutada carroza ao pé da escalinata que dá acceso á compostelá Escola Universitaria.
Alí estaba eu, naquel preciso momento: neno aínda de apenas nove anos de idade. Que facía eu alí? Pronto o direi.
Todo foi silencio naquel lugar; e nun balcón dunha das casas de en fronte aparecéu aquel ilustre galego, eminente tribuno e gran republicano que se chamou Alfredo Vilas e con voz potente, que enchía os ámbitos da praza, pronuncióu unha vibrante oración.
De canto alí dixo o insigne orador, que debéu ser moito e bo, o meu nove anos de idade escasos, só me permitiron reter uns conceptos rimados que o orador repetiu con frecuencia suma-seguramente eran a base da súa peroración-e que por haberllos ouvido declamar tantas veces quedáronseme entón gravados na mente para mentres viva. Eran parte daquelas belas estrofas de Ventura Ruiz de Aguilera, que din así:
Cuando la gaita gallega
el pobre gaitero toca.
No acierto a deciros
si canta o si llora.
Aos cales, despó8*/is do debido comentario, que seguramente debía de ser substancioso e profundo, engadía aquela contestación de Rosalía en galego:
Poeta! Eu podo decirche,
non canta que chora.
Terminado aquel famoso discurso, a Capela de Música (orquestra e voces) executóu o “Miserere” de Tafall, obra entón obrigada en Compostela, en tales manifestacións fúnebres e eu, entón-e velaquí a explicación da miña presenza naquel lugar-que era o máis pequeno e novo cantor daquela Capela de Música, dirixida naquel momento polo meu inesquecible e paternal mestre D. Juan Trallero Palmer, unín a miña voz infantil a aquel conxunto sonoro entoando en maxistral concerto o “Miserere o meu Deus” pola alma e en honra da gran Rosalía.
De súpeto, e por sorpresa, unha verdadeira choiva de coroas de loureiro, brotando do pórtico e escalinata da Universidade, foi caer sobre a carroza fúnebre da egrexia poetisa: máis non todas as coroas chegaron onde ían dirixidas, pois tres, desviando a súa ruta, viñeron caer aos meus pés e eu, entón conmovido e emocionado, tomeinas nas miñas mans e con infantil entusiasmo lanceinas animosamente sobre o féretro de Rosalía, e soamente ao velas no lugar que lle correspondía puiden quedarme hondamente satisfeito.
Despois a Capela de Música e eu con ela, continuamos entoando os varios versículos do “Miserere” e…ao pouco comezou a chover.
Cousa moi natural e propia. Era unha tarde gris e brumosa en Santiago de Compostela, pero unha tarde moi en consonancia co que alí ocorría, e a min, até se me antollaba que aquela tarde chovéu máis sentimentalmente, máis amorosamente, e que aquela choiva eran as bágoas da triste e desconsolada alma compostelá que choraba á súa propia filla predilecta, á inmortal poetisa: por algo algún día sentira e vira nacer no recinto maternal dos seus rúas augustas e lendarias.
Méjico.
¡DO ÍNTIMO!
Deixa que n’esa copa en onde bebes
As dozuras d’a vida,
Un-ha gota de fel, un-ha tan soio,
O meu dorido corazón exprima.
Comprenderás entonces
Como abranda o dolor as pedras frías,
Aunqu’abrandar non poida
Almas de ferro e peitos homicidas.
Rosalía Castro
Poesía situada ao final do artigo precedente.
Colaboración do autor en: Cultura Galega. Ano II Cuba Marzo-abril 1937. Números 23-26.Oirixinal en castelán.
Pola transcripción: Miguel
Precioso Miguel, gracias por compartir con nosotros este texto tan bello.
ResponderEliminarPrecioso..... se nota la sensibilidad especial que tiene el grupo 4.
ResponderEliminarEs siempre un placer leer vuestras entradas.
Felicidades